Carta Aberta con ocasión do coronavirus, por Tareixa Ledo Regal

Chantada
26 Marzo 2020
Social
Carta Aberta con ocasión do coronavirus

por Tareixa Ledo Regal

Socióloga e terapeuta
Tareixa Ledo Regal | 26 de marzo de 2020
"Necesitamos revisar moitas prioridades actuais, tanto persoais como colectivas. Como sociedade estamos a comprender a necesidade dun sistema público de saúde, a importancia de redes locais de produción de alimentos, a urxencia de reducir os ritmos capitalistas que nos esgotan, nos oprimen e entolecen..."
Benqueridiñas/os compañeiras/os Como estades? Como están as vosas familias, a vosa xente máis achegada e querida? Eu, polo de agora, con boa saúde, nunha situación verdadeiramente de luxo, con finca e árbores ao redor, preto da terra e con todo o preciso. Tamén está ben a miña xentiña máis próxima... Non está sendo así, penosamente, para moita outra xente que está a pasar momentos verdadeiramente difíciles, con perdas dolorosas de seres queridos, de saúde, de traballo...

A verdade é que desde que comezou este confinamento forzoso estiven con ganas de mandarvos unha apertiña, un “estamos aquí” a “familia” de Terapia de Reencontro… Precisei toda esta semana para parar comigo, escoitar todo iso que se move inevitablemente no adentro e acollelo con comprensión e cariño, para recolocarme minimamente na serenidade e na paz interior… Uf!!! Cantas sensacións no corpo! Cantas emocións e pensamentos! 

Toda esta situación, sen contalo -e queirámolo ou non-, meteunos a todas/os nun gran labirinto. A vida, ás veces, colócanos en situacións de crise que nos desorientan, nos xeran confusión e mesmo nos desbordan por momentos, e esta pode ser unha delas. E nós sabemos que para atravesar o labirinto, necesitamos acompañarnos buscándonos aliadas/os (obradoiro Os cambios na vida…). Entramos nun labirinto na dimensión social por como estamos abordando, como sociedade, esta chamada “pandemia“ do coronavirus: a cantidade de xente afectada e a falta de recursos sanitarios para atendela (froito, en grande medida, do desmantelamento e privatización do sistema sanitario público), o concepto de saúde e de enfermidade hipermedicalizadas, o decreto de estado de alarma, a aparición “normalizada” do exército e da súa linguaxe nas rúas e nos medios de comunicación, a perda de miles de postos de traballo, a diminución de ingresos, a alta mortalidade nos centros da terceira idade, a campaña dos medios de comunicación provocando medo colectivo, os intereses escuros das industrias farmacéuticas e da Organización Mundial da Saúde condicionada por capitais privados… 

Son moitos labirintos e, a un tempo, un grande labirinto social para os países ricos do norte que vemos mover ese chan aparentemente seguro no que pensabamos estar. As situacións que se poden chegar a vivir en países do sur ou en campos de refuxiadas/os poden ser dramáticas, e agora empezamos a caer na conta desas outras múltiples “pandemias” que levan padecendo desde hai anos coa indiferenza cómplice das nosas sociedades ricas: falta de recursos básicos como a auga, fames endémicas, enfermidades como o évola… 

Con todo isto, entramos tamén nun labirinto na dimensión relacional: para algúns/has de nós, a reclusión forzosa nas nosas casas lévanos a non poder manter relación e comunicación directa coa nosa xente, a non poder valerlles a nais/pais maiores e soas, a desenvolver o tele-traballo, a non poder reunirnos nas nosas asociacións e colectivos…Para outras/os, a aceleración do ritmo de traballo e os riscos que corren estaos levando a enfermar (persoal sanitario, profesionais da limpeza, transportistas, traballadoras/es de supermercados…). E entramos tamén nun labirinto no persoal, na dimensión interna: aparece a incerteza e a inseguridade ante a situación, e tamén os medos… Vívense situacións de perda e de dor... Déixanse ver pantasmas antigas ao redor da enfermidade e da morte… Faltan apertas da xente querida e maniféstanse sensacións de illamento e soidade… Xorde o aburrimento, a inactividade, a impotencia, a sensación de perigo… Cuestionamos certezas vitais, aparece o sen sentido… 

Si, sen dúbida, para atravesar estes labirintos necesitamos acompañarnos activamente: precisamos buscarnos aliadas/os e, sobre todo, necesitamos colocarnos cada un/ha de nós como aliada de si propia. 

A xente estamos sendo moi intelixentes neste sentido: moi espontaneamente estamos colocándonos como aliadas/os uns/has para outras/os. Mantemos a comunicación entre nós con mensaxes, chamadas e vídeos… Brindámonos a facerlle a compra á persoa maior que temos pretiño… Agudizamos o sentido do humor polas redes sociais… Aplaudimos cada día ás 20h para agradecer a implicación das/os profesionais da saúde e así, a un tempo, sentímonos comunidade de barrio… Saímos ao balcón a tocar instrumentos e cantar… Asociacións e institucións diversas promoven iniciativas para atender necesidades básicas… Empresas reorientan a súa produción fabricando máscaras e outros produtos urxentes… Tanta humanidade! Está sendo este un tempo magnífico para recuperar a nosa capacidade de coidar e deixarnos coidar, e saborear o pracer dese dinamismo amoroso. 

Unhas e outros estamos a descubrir e valorar aliadas/os que nos pasaban desapercibidos e que agora identificamos, precisamente por non telos nestes momentos, ou tamén por desfrutalos estes días recoñecendo o luxo que iso supón: a sensación gustosa do aire e do sol na cara, o agradable dun paseo polo eido, a oportunidade de tocar a terra na horta e o agasallo dos seus produtos, o cálido espertar da primavera cos seus mil e un rechouchíos, o pracer do deporte ao aire libre, a importancia das rutinas diarias, o valor dos xantares compartidos e das longas sobremesas en compaña, a bondade duns servizos públicos ben articulados, a alegría do encontro coa xente amiga, o significado da actividade laboral e a importancia das/os compañeiras/os de traballo… 

Todo iso estamos a vivir nestes días… Por iso é tan importante que, unha vez máis, nos coloquemos cada un/ha de nós de aliada/o de si propia/o. O confinamento nas casas está sendo un momento propicio para parar. Moitas/os estabamos desexando unha oportunidade para facelo e, sen contalo, a vida ofrécenos esta “parada obrigada”. Non sentimos a presión de “facer e facer”, mesmo parece que nos “deran permiso” para deixar de facer! É real que o coronavirus enferma e mata, un síntoma máis dun modelo social que nos está a sacar saúde a todas/os. Pero o que nos pode enfermar aínda máis é toda a situación creada a raíz do coronavirus. Moito desta situación non está nas nosas mans, evidentemente; pero o que si está nas nosas mans é como nos colocamos cadaquén ante a situación para que todo isto non nos manque. Trátase de non enfermar máis, de non repetir unha vez máis este macro-guión de vida colectivo, social. Trátase de percorrer o labirinto para atopar o “tesouro”: atopar iso que precisamos aprender para nós mesmas/os, para a nosa vida persoal, para as nosas relacións, para nós como sociedade… 

Do que se trata é de saír desta situación con máis integración persoal, con relacións máis equilibradas, con máis saúde colectiva e social. Trátase de emerxer mellor reconectadas/os coa enerxía vital, coas demais persoas, coa terra, co goce de vivir, coa Vida… 

Este é un momento adecuado para parar. Para parar e escoitarnos. Para parar e acompañarnos con delicadeza. Un tempo axeitado para parar e practicar autocoidados: facendo un xantar saboroso, coloreando un mandala, tocando ese instrumento esquecido, descubrindo unha nova afección, lendo un libro ou escribindo un poema, escoitando música, sachando na horta ou recreándonos en descansar, en non facer nada, descubrindo e atravesando o aburrimento, abríndonos á creatividade... Iso si, deixando a un lado as vellas culpabilidades e colocándonos no botrato, no desfrute espontáneo e contaxioso, divertíndonos coa Vida. Temos tempo á nosa disposición. Unha oportunidade única! 

Pode ser un bo momento para recordar ferramentas da Terapia do Reencontro: respirar acompañándonos, estiramentos taoístas, autosensibilización corporal, auto-agasallos, respirar polos pés para relaxarnos e durmir ben, bailar, coidar e deixarnos coidar, enraizamento, respiracións completas, lugar de poder, familia afectiva, respirar polos chakras, contrato de botrato, espazo persoal propio e compartido… Igual nos apetece retomar os cadernos dos obradoiros ou contactar con algunha compañeira de obradoiro que pode ser nestes momentos unha boa aliada para o camiño… Igual é bo momento para ler ou reler algúns dos libros de Fina Sanz… 

Todo o que cada un/ha aprendamos estes días para nós mesmas/os, na dimensión interna, vai transformar inevitablemente as nosas relacións sandándoas, e vai repercutir na dimensión social humanizando o planeta… 

Compañeiras/os, en toda esta situación que estamos a vivir, de fondo son os coidados os que están en xogo! Os coidados estiveron como discurso central e reivindicación dos colectivos feministas este pasado 8 de marzo, e a sociedade está empezando a falar deles. Toda esta situación está poñendo en tea de xuízo a lexitimidade do modelo social neoliberal patriarcal baseado no maltrato e na violencia, un modelo que xera enfermidades e coronavirus diversos. 

A vida e a morte, tan pretiño de nós estes días a grande escada, ábrennos a porta a mirar desde o corazón a colectivos vulnerables que xa estaban aí: persoas sen teito da nosa contorna, velliñas/os sós/as, mulleres en situación de maltrato no fogar, persoas con problemas mentais ou necesidades especiais, mulleres e homes no cárcere, xente que malvive en campos de refuxiadas/os… E decatámonos ademais de que nós como sociedade e tamén calquera de nós, en calquera momento, podemos chegar a ser vulnerables. Esta situación é un reto persoal e colectivo a acoller a nosa vulnerabilidade e a aprender a vivir desde ela. 

Necesitamos revisar moitas prioridades actuais, tanto persoais como colectivas. Como sociedade estamos a comprender a necesidade dun sistema público de saúde, a importancia de redes locais de produción de alimentos, a urxencia de reducir os ritmos capitalistas que nos esgotan, nos oprimen e entolecen… 

Toda esta situación -unha vez máis- está poñendo de relevo a necesidade de colocar no centro os coidados e o coidado da Vida! Estamos redimensionando moitos aspectos da nosa vida, decatándonos do básico e do superfluo. Comprobando que podemos vivir sen consumir tanto, que é posible reducir a contaminación no planeta… Cada vez somos máis quen poñemos o noso desexo en termos tempo tranquilo para estar coas nosas familias, para brincar coas nosas crianzas, para atender á nosa xente, para desfrutar das nosas amizades, para coidar dos nosos animais e das nosas plantas… Tempo de vagar para o lecer… Tempo para a participación activa nos colectivos… Tempo para facer o amor lentamente… Tempo para o cultivo da espiritualidade… Tempo para perder o tempo polos sendeiros, desfrutando da natureza… Tempo para nós mesmas/os, sen présas… Desde o sosego e a quietude. Desde esa paz interior e esa harmonía que sabemos aí, no noso adentro, e arelamos con nostalxia. 

Obrigáronnos a parar e posiblemente todas/os nós e o planeta precisabamos desta parada. Cando todo isto pase, necesitaremos de seguro seguir parando. Precisaremos moita escoita persoal, moita conversa entre nós, moita análise colectiva para dixerir, pechar, medrar, cambiar... 

E tamén precisaremos moita reflexión desde nós mulleres, desde o feminismo. Para analizar desde nós o que sucedeu e vivimos. Para comprender que estivo en xogo. Para seguir tecendo redes. Para seguir tendo impulso transformador e continuar apostando con intelixencia por un modelo económico-social alternativo a este sistema que se esfarela, un modelo que asegure o coidado da Vida, un modelo que cada día se está a facer máis necesario e urxente. 

Ben, pois graciñas compañeiras/os por escoitar a miña palabra… Está escrita desde o corazón e co desexo de seguir “enredándonos”: de seguir facendo rede de apoio entre nós, de sentirnos nunha alianza fonda de soños compartidos de botrato para as nosas vidas e a de todo o planeta. Apertiñas sandadoras e brincadeiras. 

Tareixa Ledo Regal
Pontecaldelas, 26 de marzo do 2020
Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis