Falece o pintor e arquitecto Manuel Jorge deixando un gran legado en Chantada
Nacido en 1929 en Chantada, Manuel Jorge, desenvolveu a súa
traxectoria como arquitecto moi vencellado ao Mediterráneo, especialmente a
Xàbia, onde se instalou en 1963 coa súa parella, a pintora finesa Christina
Snellman. Nesta vila da Marina Alta alacantina o legado de Manuel Jorge son as
máis de cen vivendas que construiu durante décadas, revolucionando a
arquitectura da zona dende a raíz, potenciando o estilo mediterráneo e o
respecto polo contorno.
O LEGADO ARTÍSTICO SERÁ CONSERVADO EN CHANTADA
Como pintor, Manuel Jorge deixa tamén un importante legado
con máis de dúas mil obra. Neste caso ese legado viaxará a Chantada, onde hai
catro anos se creou a Asociación de Amigos de Manuel Jorge para organizar a
primeira retrospectiva da súa obra en Galicia. Dous anos máis tarde, no 2018, foi
a Deputación de Lugo a que colaborou na organización doutra mostra
retrospectiva facilitando o traslado a Galicia de boa parte dos seus cadros, que
xa quedaron en Chantada, e aos que pronto se sumará o resto da súa obra, xa que
o autor decidiu que se conserve e expoña na súa terra natal.
Manuel Jorge foi un pintor prolífico que nunca vendeu os
seus cadros. O seu soño, tras recuperar o contacto coa súa vila natal, era
crear un centro de arte de Chantada que permita conservar a súa obra e
dinamizar a cultura e creación artística na Ribeira Sacra. Ese obxectivo é
tamén o da Asociación Amigos de Manuel Jorge, que recolle este reto coa
tristura de ter que despedirse do autor, pero co ánimo de que o seu legado
sirva para incentivar as artes dende o interior de Galicia.
A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, como
despositaria herdeira de todo ese legado, iniciará a partires de agora os
trámites para a creación dun centro de arte na vila na que se poda conservar e
difundir ese legado e, ao mesmo tempo, servir de promotor das artes. Así,
daralle continuidade a iniciativas como o Concurso de Fotografía Christina
Snellman, que terá unha nova edición a partires do outono de 2020.
