Novo espazo enolóxico na adega da Míllara
A adega comeza unha nova etapa con este recuncho de sabores
a carón do Miño e co seu relanzamento no mercado español e internacional. Cuco
Luna, o enólogo residente dende o arranque do proxecto formará agora equipo con
Julio Mourelle. A nova fichaxe de Finca Míllara conta cunha dilatada
traxectoria no asesoramento de adegas internacionais como Stags Leap ou
Stearling Vineyards, no val californiano de Napa. No ámbito estatal, Mourelle
pasou por firmas como Dominio de Valdepusa, de Marqués de Griñón.
O 15 de maio, tivo lugar a presentación do novo enólogo nun
acto con cata no que sinalou as singularidades de todos os viños de Finca
Míllara, xunto á súa diversidade de variedades dentro desta subzona da D.O.
Ribeira Sacra. Julio Mourelle confía no futuro deste proxecto vencellado en
parte á recuperación da aldea da Míllara para vivendas, xa ocupadas dende hai
un tempo por familias cunha gran paixón polo territorio e co afán de levar a
cabo proxectos de vida na Ribeira Sacra.
A restauración dos novos espazos da bodega pón o colofón a
unha segunda fase que ten a finalidade de resaltar o marco medioambiental que é
bo responsable do valor destes viños que nacen a carón dos ríos Miño, Sil e
Cabe. Diferentes elaboracións de Finca Míllara baixo unha filosofía de primar o
detalle e a excelencia, segundo apuntan dende a propia adega inserida en
Galicia Calidade, teñen colleitado numerosos recoñecementos entre os que
destacaron unha cualificación de 91 puntos na guía Parker.
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, o presidente do
Consorcio de Turismo, Luis Fernández Guitián, e a xerente desta entidade,
Alexandra Seara, participaron nun percorrido polas instalación de Finca Míllara
e nunha detallada cata. Esta última destacou o “papel vertebrador da Ribeira
Sacra como dinamizadora das iniciativas sostibles de alto desenvolvemento
cualitativo”. As palabras do rexedor pantonés salientaron o beneficio que supoñen
para o conxunto dos concellos iniciativas coma esta, relacionadas
empresarialmente cos recursos culturais e tradicionais do territorio, como é o
caso da vinícultura. Na mesma liña, o pdte. do Consorcio de Turismo Ribeira
Sacra puxo o foco no crecemento e desenvolvemento global de todo este territorio
a pesar dos momentos de pandemia grazas á “ forza da natureza deste contorno de
vida e riqueza”.