Obras de conservación no mosteiro de Xunqueira

Xunqueira de Espadanedo
23 Xaneiro 2021
Patrimonio
Redacción | 23 de xaneiro de 2021
Nas últimas semanas vemos vemos fachadas tapadas e con andamiaxe en varios mosteiros da comarca, entre eles unha das xoias máis descoñecidas: o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, en Ourense. Aquí, un investimento de preto de 165.000 euros permitirá contribuír ao mantemento deste conxunto monumental e solucionar problemas de conservación, así como outras melloras. Este templo medieval funciona como oficina de turismo municipal e é un dos tesouros, ás veces non tan coñecidos, da Ribeira Sacra.
Ao igual que nalgúns outros monumentos relacionados co pasado monacal da Ribeira Sacra, nos últimos meses estanse a levar a cabo melloras de rehabilitación e conservación. Vemos tapadas e con andamiaxe varios mosteiros da comarca, entre eles unha das xoias máis descoñecidas: o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, en Ourense.

Aquí, un investimento de preto de 165.000 euros permitirá, alomenos, solucionar os problemas de humidade e resolver as carencias de conservación vencelladas fundamentalmente á entrada de auga revisando algunhas das solucións construtivas que se incorporaron recentemente. Ademais, os traballos inclúen, entre outras cousas, diferentes actuacións no acabado das escaleiras da zona porticada da oficina de turismo e tamén na súa fachada norte. Tamén se prevé actuar nas fachadas norte e leste da igrexa, afectadas pola humidade.

Igualmente, actuarase sobre o adro da igrexa, revisando as drenaxes e descubrindo as zonas enterradas da fachada dando un novo tratamento axardinado. Tamén se limpará o pavimento de vexetación e se investigarán as canalizacións históricas e recuperaranse na medida do posible o recorrido natural das escorrentías, reducindo a súa entrada na igrexa.

Na zona acristalada do claustro substituiranse os vidros rotos e readaptaranse as portas de vidro existentes adoptando unha solución que permite a ventilación pola zona superior. Tamén se revisará a cuberta da igrexa, na fachada da biblioteca substituirase o revestimento, recuperarase a viga policromada do coro e faranse actuacións de restauración para a súa conservación.

Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense e co Concello de Xunqueira de Espadanedo, e a obra está co financiada con fondos FEDER.

Este venres, o titular de Cultura da Xunta, o conselleiro Román Rodríguez, visitou este enclave da Ribeira Sacra ourensá, onde fixo repaso doutras obras que a Administración Galega está a levar a cabo ou proxecta en municipios desta provincia incluídos na paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Nesta visita, Rodríguez, que estivo acompañado polo alcalde, Carlos Gómez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou que se trata dunha actuación que encara ademais un momento no que o territorio inicia a conta atrás para a posible declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. O conselleiro afirmou que “o Goberno galego ten xa comprometidos máis de 600.000 euros para seguir actuando nos concellos ourensáns ata 2022 e destacou a importancia de rehabilitar inmobles coma este.

O mosteiro de Xunqueira de Espadanedo conta coa protección de Ben de Interese Cultural- BIC- e alberaga tamén a oficina de turismo do Concello. 

Na provincia de Ourense levaronse a cabo preto dunha decena de actuacións de mantemento e restauración e bens como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, o mosteiro de Santa María de Montederramo, a igrexa de Santa Cristina de Ribas de Sil ou a igrexa de San Pedro de Rocas. Nos orzamentos do vindeiro ano, o Goberno da Xunta sinalou un incremento do 19% nos fondos destinados a bens da Ribeira Sacra, coincidindo coa súa posible declaración pola Unesco. Serían algo máis de 1,5 millóns, segundo declaran dende este departamento da Xunta.

 

Concello