Obras de mellora en Santo Estevo de Ribas de Miño

Saviñao
19 Febreiro 2021
Patrimonio
Á esquerda, visita dos responsables políticos e técnicos ás obras. Á dereita a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao, antes das actuacións en curso.
Redacción |19 de febreiro de 2021
O singular templo de Santo Estevo de Ribas de Miño mellora a súa conservación a través das obras en marcha ata o verán. Esta acción inclúese nun investimento de algo máis de tres millóns de euros repartidos nunha quincena de bens relacionados co patrimonio monumental relixioso da Ribeira Sacra dende 2017.

Tres millóns de euros para facer melloras nunha quincena de bens patrimoniais, en concreto inmobles relixiosos da Ribeira Sacra lucense. A Xunta lembrou hoxe este repaso por investimentos levados a cabo durante os últimos anos en monumentos que integran a paisaxe cultural deste territorio, candidata a ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco neste ano.

Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao, foi hoxe destino dunha visita do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

En concreto neste singular templo románico o orzamento destinado, algo máis de 300.000 euros ,cofinanciado con fondos FEDER, está permitindo mellorar as condicións de conservación e mantemento deste monumento recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento xa desde 1931.

As partes nas que se actuou son os paramentos exteriores, reparando gretas e fisuras e tamén facendo melloras na ventilación da igrexa e nos coñecidos elementos escultóricos do exterior do templo.

O equipo de restauradores tamén se encarga do mantemento da cuberta tanto da nave como da ábsida substituindo as tellas de cerámica, a estrutura de madeira e as fiestras existentes por outras que permitan a ventilación continua. Así mesmo, restáuranse os elementos deteriorados das portas principais e laterais da igrexa e redáctanse os proxectos de restauración dos elementos escultóricos da portada, ocos románicos e cornixas. Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo.

O titular de Cultura, que estivo acompañado polo alcalde, Juan Carlos Armesto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e a responsable de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua, sinalou que é unha dedicación orzamentaria que significa un incremento do 19% nos fondos dedicados a conservación de bens patrimoniais.  Rodríguez declarou que a Ribeira Sacra representa “o mellor do noso patrimonio cultural e artístico, polo que é importante que continuemos traballando na súa conservación para que siga sendo un legado vivo e unha fonte de orgullo para todos os galegos”.

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é, sen dúbida un símbolo do universo da Ribeira Sacra. O seu interior, datado a finais do século XII, é similar ao da veciña San Paio de Diomondi e conta cunha soa nave dividida en catro tramos e con teitume a dúas augas de madeira. Como no caso de Diomondi, esta cuberta apóiase sobre grandes arcos transversais oxivais de posible orixe posterior á fábrica principal da igrexa, claramente románica.

Ademais, conta cunha fachada principal dividida en dúas partes por un gran tornachoivas de arquiños semicirculares peraltados, apoiados en canzorros decorados con floróns  cuadrangulares inclinados. Un pórtico que habitualmente se atribúe á escola mateana e é unha das grandes xoias escultóricas e artísticas de Galicia. O cenobio, pola súa parte, está dedicado a santo Estevo.

O total das intervencións nestes templos está repartido en monumentos de seis concellos: dende o ano 2017 nunha quincena de bens na Ribera Sacra na provincia de Lugo: as igrexas de Santa María de Nogueira de Miño e Santa María de Pesqueiras, en Chantada; o colexio do Cardeal, a igrexa de San Vicenzo do Pino e o convento das Clarisas, en Monforte de Lemos; o Pazo de Diomondi, en O Saviñao; no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón e nas igrexas de Santo Estevo de Atán e de Pombeiro, en Pantón; na igrexa de San Xoán, de Portomarín, ou nas igrexas de San Vicenzo de Pinol e San Xiao de Lobios, en Sober.

Concello