Unha declaración de Patrimonio Mundial que enfoca o valor da auga na Ribeira Sacra
Nogueira de Ramuín
7 Novembro 2023
Patrimonio
Redacción | 9 de novembro 2023
Declaración da Ribeira Sacra sobre o patrimonio da auga: no marco do encontro internacional que se celebrou este mes de novembro no Parador de Santo Estevo ao que asistiron unha trintena de expertos de prestixio internacional. A declaración ten por obxectivo preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á auga.
O 8 de novemebro tivo lugar a lectura da Declaración de Ribeira Sacra sobre o patrimonio da auga: unindo o pasado co futuro no marco do encontro internacional que se celebrou no Parador de Santo Estevo do concello ourensán de Nogueira de Ramuín ao que asistiron unha trintena de expertos de prestixio internacional.
A declaración ten por obxectivo preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á auga.
O responsable autonómico de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu a dedicación destes profesionais pola súa implicación no estudo e difusión “dun dos nosos maiores tesouros” no proceso de revitalizar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Neste senso, animou a todos os organismos implicados a seguir as súas recomendacións para “demostrar a importancia desta paisaxe marcada pola auga para o patrimonio universal e a riqueza de Galicia”.
“Esta é unha comarca de máis de 180 quilómetros que está intimamente ligada á cultura da auga e que conta cun profundo legado patrimonial, histórico, arqueólogo e etnolóxico que traballamos para poñer en valor e protexer”, afirmou o conselleiro. Faise, tal e como explicou, contando co compromiso de todos os axentes para conseguir que a Ribeira Sacra “sexa hoxe un territorio máis vivo, coidado e recoñecido”.
Documento adoptado
O documento adoptado hoxe no corazón desta comarca recolle unha vintena de recomendacións entre as que se inclúen a necesidade de seguir promovendo diálogos
intersectoriais, foros, encontros e contribucións científicas específicas co fin de preservar o legado desta paisaxe excepcional marcada pola curso dos ríos Sil e Miño. Neste senso, instan a ampliar o coñecemento actual sobre estes sitios esteticamente impresionantes que combinan a biodiversidade agrícola con ecosistemas resilientes e un valioso patrimonio cultural.
En canto á Unesco e a os órganos asesores, a declaración anima a promover a creación de grupos de traballo sobre as paisaxes da auga, intercambiar orientacións, casos de
estudo e experiencias para acadar un enfoque inclusivo e a apuntar o papel destes espazos na Unesco incentivando a inscrición de novos elementos tanto nas listas de
Patrimonio Cultural Inmaterial como no Rexistro de Boas Prácticas. Ademais, solicítase a apoiar aos diferentes estados a presentar novas candidaturas relacionadas coa auga para acadar unha Lista do Patrimonio Mundial máis representativa, equilibrada e crible.
Por último, os expertos recomendan aos gobernos e administracións públicas identificar e preparar inventarios destas paisaxes e do patrimonio vivo que está presente en cada territorio para fomentar o recoñecemento do seu valor e importancia. Por último, piden crear un marco axeitado que permita as autoridades e comunidades locais actuar en beneficio do seu patrimonio hídrico.
Concello