Unha nova guía reúne as árbores e formacións naturais senlleiras da Ribeira Sacra

Carballedo
12 Xaneiro 2021
Patrimonio
Ciencia
Redacción | 12 de xaneiro de 2021
Unha guía da consellería de Medio Ambiente reúne  16 árbores e formacións senlleiras que definen seis rutas para coñecer o patrimonio natural e etnográfico da Ribeira Sacra. A publicación foi presentada no Pazo de Cartelos, en Carballedo, a finca onde se atopa o que quizais é o exemplar de carballo catalogado máis antigo do país.

É ben coñecido que Carballedo debe o seu nome á cantidade e á calidade dos exemplares de carballos que alberga ao longo do seu territorio. Moitos deles son centenarios e podemos case afirmar que milenarios, como é o famoso carballo de Cartelos, que observa a historia da humanidade vivo e robusto dende a finca do pazo que leva o mesmo nome. Pero é que non só son carballos, senón tamén outras especies de árbores as que sobreviven ao paso do tempo e das desventuras en toda a Ribeira Sacra. Algunhas en concreto mereceron especial mención e estudo e atópanse no catálogo de árbores senlleiras. Agora están ademais nunha nova guía que reúne exemplares e formacións deste tipo de patrimonio na nosa zona e que foi presentada precisamente a carón do carballo de Cartelos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, foi a encargada de presidir este acto durante o que destacou que a devandita publicación é unha das iniciativas do seu departamento dentro do Plan de acción para a Ribeira Sacra promovido polo Goberno galego.

A guía pon en valor un total de 16 árbores senlleiras e dúas formacións que se atopan en 11 concellos desta comarca, polo que estes exemplares naturais, de beleza e importancia extraordinaria, son o fío condutor que define un total de seis rutas para coñecer o patrimonio que sae ao camiño. Son seis itinerarios que se poden realizar a pé, en bicicleta ou en coche e para cada unha delas se achega información esencial, como a distancia, punto de orixe e destino, percorrido e puntos de interese; así como unha pequena historia e detalles históricos sobre a localización ou a súa contorna. De xeito complementario, tamén se inclúe información relativa ao eido cultural, turístico, gastronómico e de interese da zona, e referencias ás páxinas web. Vázque sinalou que a guía permite a quen viaxa planificar e gozar da experiencia de coñecer distintas paraxes seguindo a pegada destes elementos naturais; ao tempo que potenciamos a súa conservación a través da divulgación dos valores naturais que os fixeron merecedores deste distintivo.

A conselleira salientou que este é un novo paso adiante na protección do patrimonio natural, "un dos maiores tesouros dos galegos, onde destacan as árbores que están no ADN de Galicia e que son as protagonistas indiscutibles da paisaxe galega e selo identificador da  terra galega". Neste senso lembrou que veñen de convocarse dúas ordes de axudas dirixidas aos propietarios dos 179 elementos (árbores ou conxuntos) inscritos no Catálogo de Árbores Senlleiras. A idea á apoiar a conservación, protección e mellora destes exemplares, boa parte deles en terreos de titularidade privada. Tamén se subvencionan accións de divulgación e sinalización e estudos para a conservación destas árbores.

Concello
Concello Carballedo
Carballedo Saber máis